20 abr 2012

ESQUERDA UNIDA CONTRA AS FUMIGACIÓNS E A XESTIÓN INDUSTRIAL DOS MONTES

Esquerda Unida súmase ás críticas das organizacións ecoloxistas ante as fumigacións con flufenoxuron e rexeita a intención da Xunta de Galicia de incrementar os cultivos enerxéticos.

O Concello de Melide, rexido polo PP, instou aos veciños propietarios de fincas con plantacións de eucaliptos, a informarse no departamento de Medio Ambiente de dito concello e a dar autorización á fumigación gratuíta con medios aéreos do produto comercialmente chamado “Cascade” co obxecto de loitar contra a praga de Gonipterus Scutellatus. Nesa mesma nota indicaba que se pretendía aplicar ese mesmo tratamento aos eucaliptos de toda Galicia. Este produto será suministrado gratuítamente pola patronal das papeleiras “ASPAPEL”, un produto considerado, segundo decisión da Comisión Europea do 09/02/12, “persistente, bioacumulable e tóxico”, polo que deberá deixar de ser comercializado a partires de agosto de 2012.

É de resaltar que isto ven a contradicir o manifestado polos representantes da propia Xunta de Galicia que na pasada xuntanza da Mesa da Madeira informaron do incremento nun 164% con respecto a 2011 das soltas da avespa parasitaria Anaphaes nitens para a loita contra o goníptero. ¿Soltan as avespas e logo as matan con pesticidas?.

A fumigación masiva de pesticidas contamina acuíferos e cultivos e ademais de eliminar o goníptero tamén o fai con outros insectos, entre os que se encontra a abella, insecto particularmente necesario para a polinización das plantas. Esta práctica polo tanto, por riba de ser nociva en xeral para o medio ambiente, coa eliminación de abellas que produce vai en contra da propia produción agrícola local. Ademais, a fumigación por medios aéreos ten o problema engadido da deriva incontrolada da pulverización, polo que a propia Comisión Europea na súa directiva 2009/128/CE considera que a fumigación aérea debe en xeral prohibirse.

Dende Esquerda Unida consideramos que antes que os intereses da industria madeireira e do papel deben protexerse a biodiversidade e a saúde da poboación. A praga do goníptero é a consecuencia lóxica do monocultivo do eucalipto promovido durante anos polos distintos gobernos da Xunta de Galicia. Unha solución a longo prazo non pasa por incrementar o uso de produtos contaminantes para controlar unha praga, se non por limitar os monocultivos e recuperar a biodiversidade dos nosos montes, nos que actualmente as plantacións de pino e eucalipto ocupan o 75% da súa superficie.
Pola contra, e seguindo na liña da destrución do noso medio natural en beneficio de empresas privadas, a Xunta de Galicia pretende incrementar os monocultivos enerxéticos. Isto é o que se despende do manifestado pola Xunta na mencionada xuntanza da Mesa da Madeira do 03/04/12 na que manifestaban a súa intención de fomentar a biomasa. Deste xeito, ademais de subministrar materia prima á industria papeleira, o monte galego tamén será sobre explotado para producir electricidade.

Dende Esquerda Unida opoñémonos rotundamente a considerar o monte como unha fábrica de madeira e á utilización de medios químicos para a eliminación das pragas dos monocultivos.

Defendemos unha xestión alternativa do monte respectuosa co medio ambiente e coa biodiversidade tendo en conta que este é un complexo ecosistema. Unha xestión que permita un aproveitamento multifuncional (madeira, pastos, froitos, micoloxía, apicultura) e sostible dos montes e alonxada dos grandes intereses empresariais.

No hay comentarios: